Os Premios Carracedo de Xornalismo destacan o valor da libertade de prensa e da profesionalidade informativa

Juan Maceiras, da COPE, e Raquel Feijóo e Israel Elíaz, do xornal dixital cultural “Tempo de lecer”, premiados na edición 2012. Manuel Baltar dixo no acto de entrega que estamos a vivir un momento histórico no eido da comunicación, “onde a inmediatez informativa ten que ir da man da calidade e do rigor para acadar os máximos niveis de excelencia na comunicación”.

 

 

 Libertade de prensa, profesionalidade e rigor informativo foron as palabras máis repetidas hoxe no Salón de Plenos da Deputación de Ourense, no acto de entrega dos Premios Carracedo de Xornalismo 2012, instaurados pola institución provincial na honra do ilustre xornalista ourensán Xosé Aurelio Carracedo, falecido nun accidente de tráfico.

Juan Maceiras, xornalista da COPE en Ourense, recibiu o primeiro premio, dotado con 5.000 euros, polo traballo “tertulias no Café Latino”, no que o xurado valorou o feito de que reflexa “a actualidade ourensá a pé de rúa e representa unha fusión entre a sociedade e a comunicación”. Tamén recoñeceu o xurado “a traxectoria xornalística de Juan Maceiras, de máis de dez anos de actividade, e a súa profesionalidade no tratamento informativo, destacando sempre o seu achegamento as informacións que atinxen a provincia de Ourense”.

O segundo premio, cunha contía de 3.000 euros, foi para o diario dixital cultural “Tempo de Lecer”, dirixido polos xornalistas Raquel Feijóo e Israel Elíaz. Con este premio quérese recoñecer a audacia empresarial de Feijóo e Elíaz levando a cabo un proxecto xornalístico destas características, ademais do novidoso do formato e a gran calidade xornalística do traballo. Tamén valorou o xurado a gran cobertura informativa que fai “Tempo de Lecer” de todas as actividades culturais de Ourense, as cales tamén difunde a través da radio, e fai mención particularmente ao que supón unha aposta por potenciar a comunicación e a información a través de internet.

Trala intervención dos premiados tiveron especial significación as palabras do sobriño e afillado de Xosé Aurelio Carracedo, Miguel Jiménez Carracedo, quen agradeceu que o nome “do que foi un amante e entusiasta do xornalismo e da información siga vivo entre nós, da man do premio que cada ano outorga a Deputación de Ourense”, dixo.

Pola súa banda, o presidente da Deputación provincial, Manuel Baltar, afirmou que estamos a vivir un momento histórico no eido da comunicación, “onde a inmediatez informativa ten que ir da man da calidade e do rigor para acadar os máximos niveis de excelencia na comunicación”. Baltar engadiu que nestes tempos de crise, de reinvención, de repensar absolutamente todo, “tamén a prensa afronta unha etapa crucial, nun momento histórico no que calquer cidadán convértese, por obra e graza das redes sociais, nun medio de comunicación, libre, sen censura, con seus seguidores e en tempo real”.

Manuel Baltar subliñou que estamos entrando na etapa histórica do que poderíamos denominar o “xornalismo á carta”, como xa existe na programación televisiva, “cunha mensaxe clara de aposta pola especialización en función do segmento de poboación interesado en recibir e recabar noticias. Unha poboación que xa non só recibe senón que emite libremente. En definitiva: libertade de prensa no seu máximo expoñente”.

O presidente destacou a “gran profesionalidade” dos premiados e dixo que son “herdeiros do espírito que imperou nos traballos de Carracedo, onde destacaba o compromiso permanente con Ourense e co ourensanismo, acompañado dunha capacidade de crítica e análise independente e desligada de cuestións persoais”.

O xurado -que fixo mención expresa a alta calidade dos traballos- estivo presidido polo deputado provincial de Cultura, Antonio Mouriño, e integrado por Antonio Piñeiro Feijoo, Xulio Fernández Senra, Ángela Ramallo Varela e Luís Martínez-Risco Daviña, actuando como secretario o responsable de Comunicación da Deputación de Ourense, Fernando R. Méndez.

 

Más información gráfica: