Centro Cultura Popular Xaquin Lorenzo

  • Aumentar o tamaño da letra
  • Tamaño de letra por defecto
  • Disminiur o tamaño da letra
CCP Xaquín Lorenzo

ACTUACIÓNS DA ESCOLA DE DANZA

A Escola Provincial de Danza da Deputación de Ourense realizou o pasado Xoves 15 de Decembro o seu habitual Festival de Nadal como peche do primeiro trimestre do curso 2016-2017. Os alumnos, de idades comprendidas entre os 5 e 60 anos, ofreceron un espectáculo de canto, música e baile cun repertorio composto por muiñeiras, jotas, polkas, pasodobres, etc., e tamén cantigas de Nadal, coa intención de desexarlle a todos os asistentes unhas boas festas.

Entre as actividades de cara ao público realizadas neste primeiro trimestre do curso 2016/2017 polos diferentes grupos da Escola de Danza, destacan a participación no XVII Festival de Cantareiras O Son dos Antergos, celebrado en Ferrol o 15 de Outubro, xunto cos grupos “Alxibeira” do Padroado de Cultura do Concello de Narón, “Arume de Berdillo” de Carballo e A.F.C. “Terra Meiga”, grupo anfitrión; a actuación de baile, música e canto na Residencia de Maiores de Piñor, con motivo da celebración do magosto; e a realizada o 7 de Decembro en Expourense, con motivo da celebración da 17ª edición do Salón da Xuventude-Megaxove.

 

REVISTA RAIGAME NÚM 39

A Deputación de Ourense  vén de presentar a Revista Raigame número 39, coincidindo nesta ocasión co  1º aniversario do falecemento do escritor Xosé Neira Vilas.

Este número consta de dúas partes. A primeira está formada por un conxunto de artigos asinados por Pilar Sampedro, Valentín García Gómez, Luís Reimóndez, Rosalía Morlán e Fernando Redondo,  membros do padroado da fundación Xosé Neira Vilas, nos que os autores fan unha reseña da figura de Neira Vilas e da súa fundación, herdeira do legado do escritor. Nesta primeira parte tamén se inclúe a presentación que Neira Vilas fixo da revista Raigame en Ourense en 2011 e o artigo que publicou no xornal El Correo Gallego sobre esta revista.

A segunda parte é a edición fascímel da revista núm. 35 editada en novembro 2011 e dedicada integramente a Neira Nilas e á súa obra Memorias dun Neno Labrego, coincidindo co 50 aniversario da 1º edición desta emblemática do escritor de Gres-Vila de Cruces.

 

“CENTRO DE CULTURA POPULAR XAQUÍN LORENZO”

Antecedentes

O Centro de Cultura Popular “Xaquín Lorenzo Fernández” foi creado no ano 2004, ano no que se lle dedicou o Día das Letras Galegas ao insigne etnógrafo ourensán Xaquín Lorenzo Fernández. O Centro de Cultura Popular naceu a partires dunha transformación da Escola Provincial de Danza da Deputación de Ourense. 

A Escola Provincial de Danza, dende a súa creación en 1984, viña desenrolando unha intensa actividade no eido da música e da danza popular. Paralelamente a este labor pedagóxico, estaba desenrolando unha serie de actividades de investigación e difusión da nosa cultura popular, seguindo a traxectoria comezada no seu día polo Colectivo Cultural Castro Floxo que como é ben sabido comezara a súa andaina a finais dos anos 70 asesorado por D. Xaquín Lorenzo.

Ler máis...